13/10/11

PREGÓN DA FESTA DA LECTURA


  Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura.
(...)
Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, queren máis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! 
(...)
É unha revolución silenciosa realmente extraordinaria. 
Non é ruidosa, nin mediática, nin dolorosa, nin interesada, nin sanguenta, nin de profundo fedor a petróleo ou gas. Aquí, nestas aulas de esperanza, falan de libros, de historias que os sacoden, de novelas e poemas que andan e desandan nas súas cabezas inquedas. É a revolución da xente  nova que nos estamos perdendo porque é máis doado desprezar os seus hábitos e dicir que tolean coa tele ou con Internet ca meternos no que de verdade eles aman. No que len. No que lles gusta. No que odian. No que de verdade os fai soñar.  E saben quen promove e fai virar esta espiral? Eles e elas mesmas coa axuda do profesorado quen, sen ningún tipo de compensación curricular ou económica, entrega o seu 
esforzo, o seu tempo, en aprenderlles a voar.
(...)
Somos milleiros os lectores e lectoras que seguimos amando os libros e desexando compartilos. Non somos unha minoría cativa
(...)
Ningunha crise poderá roubarnos iso. A capacidade de mergullar nun libro e mudar con el de realidade, de historia, de mundo. A capacidade de soñar. 


ROSA ANEIROS, Abril 2011