07/02/12

Hoxe cúmprense 200 anos do nacemento de Dickens


Fillo de familia humilde, xa na súa infancia coñeceu a vida do cárcere, onde viviu algún tempo despois de cumpri-los doce anos por mor de estar seu pai encadeado por débedas e existir no entón unha lei que lle permitía á familia vivir cos presos. 
O fillo Dickens traballaba nunha fábrica de betún e pasaba o fin de semana en familia, no cárcere. Anos difíciles que lle ofreceron tema inagotable para a súa obra futura e nos que só o salvaba a súa pasión polos libros. 



Moito despois logo de facer crónicas parlamentarias e conseguir un certo recoñecemento, animouse a se adentrar na novela, publicando folletíns e logo novelas por entregas, case todas cun certo ton autobiográfico, novelas que se habían facer inesquecibles como As aventuras de Oliver Twist (1838), David Copperfield (1849) ou Tempos dificiles (1854), só por citar algunhas. 
Escritas de xeito rápido e cun realismo cheo de calor e tenrura co que Dickens nos amosa o seu profundo coñecemento da vida dos débiles e dos desherdados; en clave de humor que soubo conmover a toda unha xeración e que fai que aínda hoxe siga sendo un dos novelistas que gozan do máis amplo favor dos lectores.