Amosando publicacións coa etiqueta ROSA ANEIROS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ROSA ANEIROS. Amosar todas as publicacións

13/06/14

DE VIAXE POLO MUNDO

Este ano lemos a primeira parte da triloxía de Ámote Leo A, Destino xalundes. Conta a viaxe que inicia Leo ao rematar os estudos universitarios. Unha mañá de xaneiro toma o avión soa con destino ao sur. Para ela é unha viaxe especial pola oposición familiar e, sobre todo, porque era algo co que levaba tempo soñando xuntamente con outros compañeiros. Tras a frustración da marcha atrás deles, Leo disponse a enfrontarse ao que lle depare o destino. Durante seis meses vivirá unha serie de aventuras, coñecerá diversos personaxes e lugares que nunca imaxinara. Sempre perseguida por unha mensaxe "Ámote Leo A" que non sabe a quen atribuír. Para os lectores, é unha vivencia a través de cidades e países diferentes, pero tamén é o descubrimento de ver como as cousas poden saír mellor do que se agarda.

Candela Alonso García, 3ºA

14/06/13

Dentro da revolución

Con este libro de Rosa Aneiros verás o amor entre dúas clases sociais e coñecerás   o movemento  social  en contra de Salazar que era un ditador portugués.
O que máis nos gustou foi a revolución dos caraveis, a xente foi a manifestarse á rúa poñendo caraveis ás armas e tanques.
O encontro de varias persoas que de cara á sociedade son moi distintas pero que se namoran igualmente sen importarlle os demais. A fortaleza que ten a xente de ocultar as súas historias incluso á xente implicada.
As ganas da xente de querer cambiar a súa forma de vida. A superación de todos os obstáculos que se lles presentan no camiño.

O que menos nos gustou foron as consecuencias que teñen as persoas por querer cambiar as cousas, as mentiras que ten o réxime para facer cumprir os castigos e os métodos para desestabilizar a xente xa encarcerada. A pena do protagonista ao estar case toda a vida encarcerado e a de a súa namorada de ter que fuxir a outro país por medo.

Fátima Alonso Otero
Antía Romero Lago 

14/05/12

CONVIVINDO NO LUZADA

Este libro escrito por Rosa Aneiros narra o transito ao longo da mañá de toda clase de persoas con diferentes intereses e situacións persoais nunha cafetería. Cadaquén coa súa propia historia, co fin de darnos unha visión global da sociedade actual no mundo.
O escenario principal é unha cafetería de Santiago de Compostela, o Luzada, rexentado por Patricia, unha muller que se fixo cargo do local nun momento en que vía inviábel proseguir coa súa formación académica.

No Luzada conflúen unha morea de personaxes que falan de temas en concreto, coma a vellez, a paz, a morte,a integración.

Personaxes coma Eusebio e Lola, os anteriores donos do bar, loitan en soidade contra as dificultades que se derivan da vellez e da perda progresiva de saúde.

A Iqbal, un mozo inglés de orixe paquistaní que marchou de Londres tras os atentados no metro en xullo de 2005 bota horas e horas na cafetería conectado a Internet.

Tamén a señora Filomena, cuxo fillo está en misión humanitaria co exército en Darfur e que sofre ao ver nos xornais os froitos da violencia e da guerra.

Manuel, un neno africano que non superou a morte da súa nai adoptiva e que ten no seu avó a súa principal compañía.

Ademais, aparece unha muller que agarda por unha chamada que non chega, a dos sobriños que intentan entrar en España cruzando o valado da vergoña que separa mundos en Melilla, ou de Aysel, vítima do amor e da indiferenza que Occidente amosa ante a represión do pobo kurdo polo goberno turco.

Pareceume un libro moi interesante, xa que se dan situacións da vida propia. E fainos entender a actualidade que viven moitas persoas e as súas diferentes culturas.

Damián Santamaría

13/10/11

PREGÓN DA FESTA DA LECTURA


  Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura.
(...)
Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, queren máis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! 
(...)
É unha revolución silenciosa realmente extraordinaria. 
Non é ruidosa, nin mediática, nin dolorosa, nin interesada, nin sanguenta, nin de profundo fedor a petróleo ou gas. Aquí, nestas aulas de esperanza, falan de libros, de historias que os sacoden, de novelas e poemas que andan e desandan nas súas cabezas inquedas. É a revolución da xente  nova que nos estamos perdendo porque é máis doado desprezar os seus hábitos e dicir que tolean coa tele ou con Internet ca meternos no que de verdade eles aman. No que len. No que lles gusta. No que odian. No que de verdade os fai soñar.  E saben quen promove e fai virar esta espiral? Eles e elas mesmas coa axuda do profesorado quen, sen ningún tipo de compensación curricular ou económica, entrega o seu 
esforzo, o seu tempo, en aprenderlles a voar.
(...)
Somos milleiros os lectores e lectoras que seguimos amando os libros e desexando compartilos. Non somos unha minoría cativa
(...)
Ningunha crise poderá roubarnos iso. A capacidade de mergullar nun libro e mudar con el de realidade, de historia, de mundo. A capacidade de soñar. 


ROSA ANEIROS, Abril 2011