23/06/12

XUNTANZA FINAL DO CLUB DE LECTURA




Rematou un curso escolar e con el un novo período do Club de lectura. Mais non o afán por seguir lendo durante o verán. Só cambiamos a reflexión colectiva sobre uns mesmos libros por outra individual na casa, praia, campo…

Os integrantes de Elvilendo xuntámonos para comer e, mentres facíamos a dixestión e poñíamos o blogue a punto, botamos unha ollada ao que fora o club este curso coa intención de facer as cousas mellor o próximo. E chegamos ás seguintes conclusións, despois de escoitar as acertadas propostas que puxemos en común:



-Unha reunión quincenal nun recreo apenas dá tempo a comentar un par de cousiñas, tendo en conta ademais que nalgún grupo a asistencia é bastante numerosa. Por tanto, volvemos ao primeiro momento da nosa historia cunha reunión semanal.
-A posibilidade de acompañar as nosas lecturas de actividades creativas que nos permitan "profundar" nos camiños que os libros nos abren.
-A rede social pode sernos moi útil. Podemos ir comentando ou resaltando algún parágrafo ou idea a medida que imos lendo.
 -A biblioteca non ten porque ser o lugar ou, polo menos, o único sitio no que nos encontremos. Alén de impedir ao resto do alumnado o uso da instalación nese momento, o cambio ao salón de actos ou ao patio en días bos pode ser un aliciente.
-Comezar o próximo período coa lectura dunha obra de teatro pode ser outra motivación, na medida en que cada un tería que situarse na pel dunha personaxe e fortalecería o grupo como tal.
 -Non debemos esquecer a poesía no noso Club. Se non queremos poemarios completos, si escolmas que podemos elaborar nós.
-Para motivar o resto do alumnado á lectura, debemos facer máis visible o Club. Varias formas de logralo: A interrupción dunha clase –previo permio do profesorado- para declamar un texto e o uso en momentos determinados dunha camiseta que nos identifique; exposicións dos nosos traballos arredor das lecturas, divulgación do blogue no centro....



-Neste país hai posibilidades de organizar roteiros literarios e non debemos deixar pasar a oportunidade de facer algún.

Como conclusión global estaban as nosas ansias de seguir gozando conxuntamente doutros mundos no próximo curso. Que non falte a ilusión!