13/03/13

Persépolis

Persépolis non é máis que unha autobiografía da autora Marji Satrapi. Está contado dende o punto de vista desta nena que ó longo da historia converterase nunha muller marcada polo paso da guerra e pola inxustiza social.
Ela era unha rebelde e unha inconformista que, coma moitos, buscaba poder expresarse libremente. Pero estas persoas foron reprimidas polas leis iraníes e pola tradición relixiosa. O uso do velo, as moitas prohibicións ás que as mulleres estaban sometidas…
Marji quería vivir á súa maneira e poder chegar a conseguir o que aspiraba. Os seus pais eran o seu grande apoio, non obstante, ó marchar a Austria nun afán de buscar o seu lugar no mundo comezou a perder os seus soños e a sentirse soa. Tamén foi onde se deu conta dos prexuizos racistas que poñían sobre ela.
Parecía que escapar da guerra entre Iraq e Irán sería a súa oportunidade e vía de escape dun presente que a preocupaba, pero equivocábase. Experimentou moitas cousas novas para ela pero non conseguiu sentirse satisfeita. Pensar que non fixera nada nesta vida e o feito de non poder atoparse a ela mesma chegou a facer feridas profundas na súa alma, pois intentou suicidarse. O illamento, o non atoparse identificada con ninguén creoulle pouca seguridade e sensacións de frustración e dor.
Durante a historia ela irá mudando de ideais, pero sempre sen perder o seu propósito, ser libre e conseguir a xustiza que tanta falta facía no seu país de orixe. Esta situación marcouna e fixo que exteriorizara o terror e medo do que viviu de nena no seu propio corpo (drogas, desenganos amorosos, menosprezos…).
En resumo, foi realmente enriquecedor ler este libro, fala de moitas máis cousas que da guerra, só fai falla lelo, non só cos ollos, senón tamén coa cabeza e co corazón. Consegue abrir a mente e deixar paso á reflexión. Pero os debuxos non son moi bonitos, iso é o peor do libro. Por outra parte, chamoume a atención o estrano "humor" que ás veces usan a protagonista e os seus coñecidos, é un pouco satírico pero no fondo non ten risa ningunha.
Ademais do libro existe a película de debuxos (2007).

Noemi Iglesias