Hai varios días veunos visitar ao instituto Fernando Díaz Castroverde, escritor de microrrelatos. A charla foi adicada ao alumnado de 1º de bacharelato. Días antes da visita estivemos facendo exercicios relacionados co seu libro titulado Microbios e outros paquidermos.
As primeiras veces da lectura dos breves, pero condensados relatos, sorprendémonos positivamente porque nunca antes traballaramos con textos deste tipo. Lois, o noso mestre, chegou un día cunha pila deses libros e no momento en que nos leu só o título, as nosas caras cambiaron. Que podería conter un libro titulado dese xeito? Microbios...? Paquidermos...? Quizais falase de contradicións. Ou sería simplemente algo relacionado cun mundo fantástico sen moito sentido?
O profesor empezou a ler uns cantos capítulos que seleccionara anteriormente e, ao acabar, preguntounos que nos parecera. Pero que pensaba que diríamos se non nos enteiramos demasiado? A medida que nos foi explicando o contido, o libro enganchounos. Nas clases posteriores sempre lle pediamos que nos lese algún deses microrrelatos para nós sacar as nosas conclusións.
É un libro realmente orixinal. Un mesmo capítulo, de aproximadamente seis ou doce liñas, vai cargadiño de diferentes temas. Eu, sen dubidalo, quedo co que comeza: Eu son Balbino... Sóavos de algo? Talvez de Memorias dun neno labrego? Casualidade? Non, non é así, pois outra característica deste autor é a incrustación na súa obra de textos ou frases feitas doutros autores. Tamén a introdución doutros microrrelatos dentro do seu propio (Cuando me desperté, el dinosaurio todavía estaba allí). Un texto coma este fai voar a imaxinación até os recunchos máis escondidos.
E falando de maxinación, algunha vez pensastes en escribir un texto con letras que non teñan paus para arriba nin abaixo, é dicir, letras como a, à, c, e i, r, m... Incrible, verdade?. Pois el tamén nolo ensinou, así como escribir un texto utilizando todo o tempo a mesma vogal (propio do rapeiro Nach Efectos vocales), creando nomes de animais como formigaliña (de formiga e galiña) e, a partir de aí, crear unha historieta sobre esta nova especie.
E non faltaron os microrrelatos mudos que gardaban longas historias, é dicir, mediante imaxes.
Non vos parece un escritor realmente novidoso? Até onde chega a vosa imaxinación? Veña! Animádevos! Por que non participades nunha actividade deste tipo? Até onde estades dispostos a chegar?
Se vos interesa este libro de pequenas pero grandes historias -Microbios e outros paquidermos- direivos, para aqueles que sexades moi modernos, que se premedes aquí, levareivos a unha páxina onde o poderedes descargar para o voso E-Book.
Miriam Costa Lagoa, 1º bacharelato