23/06/13

REMATAMOS? SI, PERO NON


Rematou un novo curso. Un xantar no bar do instituto e un encontro na biblioteca serviron para avaliar as actividades do presente ano. X participantes no Club (faltaron os de bacharelato por coincidencia con exames e algúns máis da ESO por motivos varios)  puxemos en común as frustracións, alegrías, descubrimentos ... desta edición e algunhas pretensións para a próxima.

En xeral, gustaron os libros comentados. É curioso constatar como o único común para dous niveis –Violeta Tamurana- foi valorado de xeito máis positivo no nivel superior (3º e 4ª).  De todas formas, para o próximo curso considerouse conveniente unha maior participación de todo o alumnado á hora da elección.

 Á parte das lecturas individuais, propúxose realizar de cando en vez unha lectura en grupo na hora compartida.

Houbo unha certa desorganización algúns días na hora da reunión: Grupos que non foron avisados ou profesores que se despistaron. É preciso que a coordinación sexa máis dilixente no tema organizativo.

A maior discusión centrouse no momento da posta en común. Os recreos son moi curtos para un debate serio. Ademais, convén organizar actividades paralelas á lectura, de xeito que os libros sexan máis vivenciais. Para isto precísase tempo. Xurdiron varias posibilidades que teremos que valorar ao comezar o curso próximo. De todos xeitos, a que se considerou máis adecuada foi a posibilidade de dispoñer dunha hora completa ao mes (na aula de titoría ou dalgunha materia distinta cada vez) sen que iso signifique prescindir dun contacto semanal ou quincenal nos recreos.  

Finalmente repartíronse os libros que cada alumno/a vai ler durante o verán co propósito de facer unha posta en común á volta das vacacións. Rematou o curso?