18/06/13

CONTOS DE AMOR

Este libro de Agustín Fernández Paz componse de varios relatos co tema principal do amor.
Non te equivoques, cando digo que fala do amor non me refiro a este amor pegañento dalgunhas novelas, senón todo o contrario, un amor puro e sensible que consegue chegar ó corazón e ser entendido por todos, ata polos menos románticos. Amor que o autor pretende materializar ás veces, sobre todo, en forma de literatura (libros de poesía e novelas).
O relato que máis me impresionou foi un no que (síntoo por desvelalo, pero o teño que contar) se narraba a historia dun home que coleccionaba caixas de mistos. Un día, ese home morreu e a súa muller decidiu queimar todas esas caixas que o home foi gardando durante tantos anos, pero non se deu conta de que, dentro dunha das caixas, había un anel de diamantes que o seu home mercara para regalárllelo a ela polas súas vodas de prata. 
Foi unha historia coa que se me encolleu o corazón, cousa que había moito tempo que non me pasaba con ningún libro.E é que as persoas só somos cinzas e as cousas, outro tanto. O afecto e os sentimentos son a única cousa indestrutible e que ninguén nos pode arrebatar e, ó final, o único que queda é o amor.
Noemi Iglesias