09/04/14

A VITORIA DO PERDEDOR

Despois de ler e comentar entre nós a novela A vitoria do perdedor, a semana pasada recibimos a visita de Manuel Monge -primeiro presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña-. A novela abriunos os ollos a unha situación social pouco coñecida por nós como foi a represión sufrida pola sociedade nos anos seguintes á guerra do 1936. Entre outras cousas, Jéssica seleccionou unha frase que indica o sentido da obra: "A forza chámase dereito cando está administrada polo Estado e delito cando é o individuo quen a administra".
Pois ben, por medio da visita de Monge descubrimos que a nosa cidade sufriu unha forte represión (el foi un exemplo) e que neste momento hai un grupo importante de persoas que non queren esquecer o pasado para que non se volva a repetir. De aí os monumentos que hoxe se asentan na zona do Portiño ou no Campo da Rata.