FEBRE
Héctor carré, escritor deste libro, informouse moi ben á hora de escribilo, xa que é unha novela baseada en feitos reais.
Todo sucede no pobo de Noia, ao sur da Coruña, cando na segunda guerra mundial a explotación da mina de San Finx para extraer wolframio cobra vital importancia e xente da vila e dos arredores participan na "roubacha". Ían na procura do mineral para vendelo ilegalmente aos alemáns, e non aos ingleses, propietarios da mina, xa que nesta guerra a Alemaña nazi precisábao para endurecer o material bélico e aumentaron os prezos.
A dura vida desa época fixo que homes e mulleres traballasen para poder manter ás súas familias a pesar dos maltratos que sufrían por parte da Garda Civil cando eran descubertos; chegou incluso a morrer xente. Este ambiente de tensión está moi ben plasmado na novela.
No noso club de lectura quixemos averiguar canto hai realmente de verdade na historia de Héctor Carré e fumos visitar nós mesmos as minas de San Finx a Noia; alí quedamos apampados con TODO o que nos contou Maite Reboredo, xeógrafa que traballa no museo das minas.
Enterámonos de que a mina xa era usada na idade de bronce para extraer estaño e que o wolfram se apartaba ao descoñecerse a súa utilidade, aínda que posteriormente sería o máis importante dos minerais da mina. Soubemos tamén que o casino de Noia foi un importante centro de negocios clandestinos entre copa e copa ou baile e baile. Pero o máis interesante foron, sen dúbida os testemuños da xente que ía traballar á mina ou que dalgún xeito tiña relación con ela, como Don Teo, o médico, xa que ao lelos, sumérxente realmente na época e es capaz de ver mellor os mundos que corrían.
Recomendo ler este libro e sobre todo ver a información da historia real para poder coñecer un pouquiño máis do noso pasado tan abraiante.
Jessica Marcote Lobelos